Sobre AcogES+: un programa de acollemento familiar especializado e con dedicación exclusiva de Aldeas Infantiles SOS
En que consiste o programa de acollida AcogES+?
AcogES+ é un proxecto de acollemento innovador, que busca familias para nenos e nenas tutelados pola Administración, que aínda non atoparon a súa familia acolledora.
O programa está dirixido a grupos de irmáns ou nenos e nenas con necesidades especiais (como problemas de saúde ou dificultades emocionais). Priorizarase que, ao menos, un deles sexa menor de 6 anos.
Que tipo de familia buscamos?
Buscamos familias apaixonadas pola infancia, con capacidade de vínculo, de coidado, e con competencias parentais axeitadas.
O programa está dirixido a todo tipo de estruturas familiares, e non se require dunha formación específica.
Co fin de garantir unha dedicación exclusiva aos nenos e nenas, un adulto en casa debe ter plena dispoñibilidade.
Como apoiamos as familias de acollida?
Neste proxecto traballamos de forma integral cos nenos e nenas e coas súas familias de orixe e de acollida.
Dende Aldeas Infantiles SOS ofrecémoslles apoio e seguimento ás familias de acollida, así como formación tanto inicial como continua.
Dada a dedicación exclusiva que precisan estes nenos e nenas, existe unha contraprestación económica para as familias de acollida, vinculada a unha relación contractual con Aldeas Infantiles SOS.
Ti podes dar unha oportunidade a nenos, nenas e adolescentes
Ofrecémoslles a nenos, nenas e adolescentes privados do coidado parental unha alternativa de coidados dende unha familia que lles proporcione un fogar seguro e estable mentres o precisen.
Co teu afecto e dedicación, axudaralos a reparar o seu dano e a construír a súa identidade positiva e unha nova historia de vida.
Algúns detalles máis que debes coñecer sobre
sobre AcogES+
Neste intre, en catro comunidades autónomas: Cantabria, Castela-A Mancha, Galicia e Madrid. Nelas xa hai grupos de irmáns dentro do programa, agora estamos a buscar as súas familias de acollida.
Se non resides nunha destas catro comunidades, animámoste igualmente a encher a túa solicitude, para que poidamos avisarte cando AcogES+ chegue á túa comunidade.
Dende Aldeas Infantiles SOS traballamos sempre en coordinación coa Administración.
A Administración propón os nenos, nenas e adolescentes que se acollerán dentro do programa AcogES+.
Dende Aldeas Infantiles SOS tamén intermediamos entre a Administración e a familia acolledora durante todo o proceso.
Ser familia de acollida significa integrar a nenos, nenas ou adolescentes na túa familia e o teu medio.
Significa ofrecerlles coidados e protección mentres o precisen.
Significa tamén axudar os nenos, nenas e adolescentes a sentir que pertencen ás súas dúas familias: a biolóxica e a acolledora.
Significa traballar en equipo cos profesionais de apoio.
Queres formar parte de AcogES+?
É o momento de axudar a nenos, nenas e adolescentes que precisan unha familia de acollida.
Cales son os pasos para
ser familia AcogES+?
Formulario web
Como primeiro paso, enche o formulario desta web. Así poderemos coñecer mellor a túa familia: cantos sodes en casa e a vosa situación actual. Levarache apenas 3 minutos.
Chamada telefónica
Unha vez recibido o formulario, contactaremos contigo para convidarte a participar nunha formación presencial, na que poderás afondar en tódolos aspectos do acollemento.
Proceso de valoración
Tras o encontro formativo, iniciarase un proceso de valoración, no que se analizan as competencias parentais e a motivación cara ao acollemento de cada familia.